Nigrán abre o prazo de inscrición para oito campus deportivos de verán

O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubs do municipio, ofrece desde inicios de xullo a inicios de setembro oito campus deportivos orientados a crianzas e adolescentes: patinaxe, baloncesto, tenis, surf, multideporte, fútbol, fútbol gaélico, e ximnasia rítmica. O prazo de inscrición aos mesmos está aberto, dispondo os interesados de toda a información na web municipal (datas, mails de contacto e teléfonos, lugar de celebración, prezo, idades, etc).

Todos teñen unha duración de cinco días e un custe de 60 €. Os campus están orientados a un público infantil e adolescente e arrancan con tenis do 4 ao 8 de xullo, sendo o último o de surf do 29 de agosto ao 2 de setembro. O Concello aportará a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro.

“Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudables ao aire libre, en definitiva, é promover o deporte desde a infancia e dando cabida a disciplinas para todos os gustos”, indica o alcalde, Juan González.