Araúxo mantén a idoneidade da situación do aparcadoiro de autocaravanas

Moitos son os factores que inciden na elección dun lugar para a situación do aparcadoiro de autocaravanas en Gondomar. Mesmo pode haber múltiples opcións ou gustos para o sitio a emprazala. Pero como en tantas cousas, sempre é necesario ter a opinión dos que máis coñecen e saben do tema é dos técnicos.

Para a Asociación Galega de Autocaravanas, o lugar proposto é o ideal, por múltiples razóns: por estar nun lugar propio de áreas urbanísticas dotacionais e de servizos, por estar nun lugar moi agradable dende o punto de vista paisaxístico, por estar próximo ás dependencias da Policía Local, por ter moi fáciles accesos de viarios, por estar moi preto do centro da vila e poder dispor de servizos de supermercados, comercios, farmacias, saúde, restaurantes, etc.

No relativo á opinión dos técnicos do Concello de Gondomar, esta coincide coa da AGA, e por iso fan esta mesma proposta de situación na redacción do proxecto.

“Algúns reparos que se argüen como a falta de saneamento, a colisión co campo dos bolos celtas ou estar nun lugar propicio ás inundacións, poden ser máis propios do descoñecemento do proxecto, que argumentos con base real. O saneamento pasa xusto polo lugar elixido. A rasante do aparcadoiro é a mesma que a da estación de autobuses ou das instalacións do centro neural, e polo tanto corre o mesmo risco”, sinala o concelleiro de Comercio e Turismo, Xosé Antón Araúxo.

Finalmente, Araúxo engade que o tema deportivo tan singular para a nosa comarca, e que cómpre potenciar e difundir como os bolos celta, figuran no mesmo proxecto, nun emprazamento relevante no centro da vila.

“Por tanto, máis alá dos gustos persoais respectables, semella que as reticencias teñen máis que coa autoxustificación, que con argumentos técnicos. Un proxecto que atrae visitantes, que dinamiza o comercio e que achega ingresos ás arcas públicas, debería ser unha prioridade común de todos”, conclúe o concelleiro.