O Concello de Nigrán colabora coa cervexeira local Trisk-Ale/Banda para promover o municipio en toda España

O Concello de Nigrán está a promover turísticamente o municipio en todo o país grazas á cervexeira local Trisk-Ale/Banda, fabricante da marca “Nigrán, Equilibrio Natural” e que neste ano participa en feiras de todo o país con merchandising do Concello. A firma dos irmáns Toledano, con sede no parque empresarial Porto do Molle, ten á venda nestes eventos a cervexa promocional de Nigrán (xunto a outras marcas súas como “Summer Papa” ou “Caravan Larger”) e ao mesmo tempo ofrece guías turísticas da localidade a todo aquel interesado en coñecer máis sobre o municipio. Así, ao longo do mes de Maio participaron en eventos en Albobendas e Las Rozas e desde mañá estarán en Torrejón de Ardoz (todos en Madrid); os vindeiros meses estarán presentes en todo o noroeste peninsular e en setembro regresarán a diferentes feiras de cervexas artesás na comunidade de Madrid e Guadalajara.

“Estamos moi orgullosos de que dous veciños de Nigrán novos e emprendedores sexan os embaixadores do noso municipio no exterior grazas precisamente ao produto que eles mesmos fabrican localmente e que en cada etiqueta e en cada sorbo fala da nosa localidade”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que “entregar guías turísticas aos potenciais visitantes interesados é un paso máis na mesma liña”.

Así, o propio etiquetado de cada botella reza o seguinte: “Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán”. Consecuentemente, e encaixando á perfección nesta descrición, trátase dunha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.

“A elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fóra nin queda excluído”, inciden os seus fabricantes.

Banda

A finais do ano pasado, a firma dos irmáns Toledano deu un paso máis na súa andaina empresarial ao embarcarse en “Banda”, un proxecto máis ambicioso e 100% “made in Nigrán” que supuxo un investimento de 600.000 € na nova nave en Porto do Molle (rúa do Labrego, 22, Nave 5E). O obxectivo é fabricar entre 20 e 25 tipos de cervexas ao ano e asentarse como a bebida de toda a comarca para a partir de aí expandirse ao resto da comunidade. Esta instalación, de máis de 1.100 metros cadrados, permítelles pasar de poder fabricar 50.000 litros a un máximo de 1,5 millóns anuais, centralizando aquí toda a produción (antes estaba diseminada por diferentes puntos de toda España). A nave, con horario de atención ao público de luns a venres de 11:30 a 19:00, ten zona de venda directa, de degustación e unha sala para exposicións. Ademais, regalan o bagazo de cereais resultante da fabricación a todo aquel que se achegue a buscar (é especialmente idóneo para compostaxe e alimentación de animais).