
A Xunta de Galicia continúa avanzando no compromiso anunciado polo Consello da Xunta de realizar un investimento de 5,7 millóns de euros en novas dotacións -espazos e equipamento- de determinados servizos do Álvaro Cunqueiro.
Así, o Sergas vén de anunciar a licitación da obra da Unidade Funcional Multidisciplinar de Enfermidades Raras no Álvaro Cunqueiro, por un importe de 151.299,34 euros. A isto hai que engadirlle as licitacións, anunciadas no pasado mes de maio, da obra da nova Unidade de Necropsias, por 300.000 euros, e o proxecto da reforma de Hospitalización a Domicilio, cun investimento global de 50.000 euros.
O obxectivo destas actuacións é dotar ao Cunqueiro de novos espazos e equipamento, xa que o Executivo galego considera que, unha vez consolidado este hospital, é o momento de afrontar actuacións para reforzar a súa funcionalidade. Así, ao final executaranse obras que mellorarán as áreas de HADO, Anatomía Patolóxica, Saúde mental, Cardioloxía, e as Enfermidades Raras.
120 pacientes anuais na Unidade do Cunqueiro
Coa nova estrutura, a Unidade Funcional Multidisciplinar de Enfermidades Raras que xa comezou a funcionar en febreiro deste ano, disporá dun espazo físico propio. Este novo dispositivo sanitario, que coordina o diagnóstico e seguimento dos pacientes con estas patoloxías, enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega en Enfermidades Raras, que ten por obxecto unha abordaxe integral das ER na comunidade galega.
A Unión Europea define como enfermidade rara (ER), minoritaria ou pouco frecuente aquela que, con perigo de morte ou invalidez crónica, ten unha prevaleza menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes. Desde a perspectiva médica, as ER caracterízanse polo gran número e ampla diversidade de desordes e síntomas que varían non só dunhas enfermidades a outras, senón tamén dentro da mesma patoloxía. Estímase que existen entre 6.000 e 8.000 enfermidades raras diferentes que afectan entre un 5% e un 7% da poboación.
A nova Unidade do Cunqueiro estará emprazada nas Consultas externas do hospital, na planta -1, e disporá de 3 consultas, 1 sala multifuncional, e 1 sala de espera para pacientes e os seus acompañantes. Será atendida por un equipo de profesionais composto por un especialista de medicina interna, unha pediatra e un enfermeiro.
No novo dispositivo sanitario vaise prestar unha atención integral a estes pacientes, xa que ademais da propia actividade asistencial en consulta, realizarase outro tipo de funcións como a elaboración da súa árbore xenealóxica e a relación de posibles familiares afectados, así como a coordinación da atención por parte doutros servizos hospitalarios. Se prevé atender anualmente a 120 pacientes entre poboación adulta e infantil.