Patchwork inspirado na obra de Caino por un grupo de mulleres de Baiona

O grupo “Baiona Patchwork” está formado por mulleres de Baiona amantes da arte téxtil, amigas e apaixonadas polo mundo do patchwork, unha técnica que consiste en coser anacos de tea entre si creando un debuxo final. Comezaron a súa aventura no ano 2010 formándose nas técnicas básicas da man de Li Goce. Tras anos de aprendizaxe dan un novo paso para penetrarse nun proxecto de arte téxtil no que poñen en práctica todas as técnicas adquiridas nun único traballo con temática común. Trátase dun Patchwork figurativo inspirado na obra do artista baionés Caino Vasconcellos.

Para os deseños utilizouse variedade de técnicas como crazy, hexágonos, log cabin e diversas figuras xeométricas. Algúns traballos incorporan teas tinguidas con tinguiduras naturais e ecoprint (estampaxe botánica). As técnicas dos patróns abarcan pieceo, persoais para deseños a man, paper piecing, aplicacións con papel termo adhesivo e apliquick. O Quilting é a máquina ou a man, incorporando acolchado libre e xeométrico artístico. As técnicas foron combinadas para conseguir os efectos desexados en cada traballo.

O resultado estará exposto desde o 1 ata o 12 de xuño na Capitanía Marítima de Baiona (Elduayen, 20), en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:30 a 20:30 horas. Nesta exposición colaboran Ana Barreiro, Ana Pacín, Ana María Vilar, Carmeli Figueirido, Diana Cedeira, Li Goce, María Monserrat, María Pérez, Nuria González e Sonia Blach, aínda que o grupo está formado por máis artesás (Conchi Vilar, Cristina Domínguez, Loli Cotovad), que cada semana reúnense no Centro Sociocomunitario de Baiona para coser xuntas, tomar café e pasar un intre agradable. “Muller entre follas”, “Neno”, “Vista de Baiona dende o Cochino” ou “Maternidade” son algunhas das obras que conforman a mostra.

Os deseños de Ana Barreiro caracterízanse por numerosas aplicacións que representan momentos vividos; a Carmeli non se lle resiste ningunha técnica e sempre está disposta a utilizalos nos quilts máis complicados; Ana Vilar é toda unha perfeccionista e domina as técnicas da costura; María Monserrat enseguida dominou as técnicas, o empeño e as horas que dedica reflíctense nos seus traballos; Ana Isabel é amante da reciclaxe, sempre inclúe tecidos de pezas en desuso, dándolle ao seu traballo un valor engadido; Sonia é unha auténtica artista combinando as teas e reflíctese nos seus deseños; Nuria sempre busca a harmonía e é amante dos complementos; María Pérez é amante do bloque tradicional e experta en complementos téxtiles aplicados ao Patchwork, non hai bolso que se lle resista; Diana chega con ganas de aprender, o acolchado libre é a súa materia pendente; Conchi é perfeccionista, gústalle traballar con bloques e facer os seus propios deseños; Cristina sempre achegando ideas xa domina as técnicas; Loli que non se asusta cun traballo de gran tamaño e Li Goce que goza guiándoas para levar a cabo cada un dos traballos sen límites para a creatividade.

En definitiva, son un grupo que se complementa á perfección xa que cada unha ten unha habilidade ou técnica na que destaca e xuntas forman un gran equipo. Traballan de forma solidaria, aínda que os traballos sexan individuais con achega de ideas nos deseños e tecidos, pero sobre todo nunca faltan mans extras á hora de montar ou acolchar un traballo grande. O grupo confía en que xurdan novos traballos. Baiona Patchwork reivindica a artesanía, a reciclaxe e a arte téxtil.

Li Goce

Rodeada de teas e agullas crece Li Goce no pequeno taller que a súa avoa, costureira de profesión, tiña na casa familiar de Baiona. Lembra con agarimo como esta facíalle os patróns para vestir ás bonecas con recortes de xornais. A súa nai, amante da calceta e o ganchillo e artesá de vocación, foi o seu outro gran referente. Sendo aínda nena chega ás súas mans por primeira vez unha peza de Patchwork que a namora, un bolsiño feito con retais e guateado a man que lle fai unha tía avoa.

Non é ata 2001 cando o Patchwork volve á súa vida coa chegada a Baiona de María Dolores Salgueiro, coa que se inicia e aprende as técnicas básicas. No 2010 fai realidade un soño e convértese en docente de Patchwork formando un grupo do que posteriormente xorde “Baiona Patchwork”. En 2015 consegue a Carta de artesá da Xunta de Galicia en dúas especialidades, Patchwork (Centón) e modista. Pon en práctica os seus coñecementos coa creación da súa marca “De todo corazón”, onde expresa a súa creatividade a través de múltiples traballos de patchwork e ecoprint.

O proxecto “Cainos”

Coñecendo a Caino desde mozo, Li sempre sentiu fascinación polo seu interese na arte e desenvolvemento como artista, seguindo as súas obras e distintas etapas pictóricas de creación desde hai décadas. Os seus cadros, con variedade de formas, cores e detalles, foron sempre fonte de inspiración e espertaron en Li o desexo de plasmar a súa beleza e unicidade mediante a arte téxtil. En febreiro do 2020, xorde a iniciativa deste proxecto, animando ás súas alumnas a inspirarse nunha obra para guialas no proceso e poder así formar unha exposición con todos os diferentes traballos obtidos.

O resultado, uns tapices cheos de cor e personalidade, nos que se mesturan desde as técnicas máis complexas a outras máis simples e creativas para poder representar en tea a beleza dos cadros de Caino. As súas alumnas e ela, están inmensamente agradecidas e contentas de que Caino aceptase levar a cabo este desafío de ver reflectidos os seus cadros a través do patchwork e a mirada de todas estas mulleres.

Caino

Caino é un artista autodidacta nacido en Baiona e apaixonado pola arte. Esta paixón levouno a Londres, un dos centros artísticos máis importantes do mundo. Comeza a súa carreira na capital británica (1970-1972) e alí fórmase o que será o actual artista. As súas inquietudes lévanlle a aproveitar ao máximo o tempo alí, visitando asiduamente lugares como a National Gallery e a Tate Gallery, onde estuda de forma visual tanto os clásicos como a pintura moderna, ao mesmo tempo que realiza exposicións cun grupo de pintores en Hyde Park.

Tras a súa estancia en Londres, instálase definitivamente en Baiona, a súa aldea, e dedícase ao ensino un curto período de tempo. Combina o óleo, a acuarela e a plumilla, realizando ilustracións para infinidade de libros e colaborando coa prensa cos seus debuxos e pinturas. Posúen obras súas importantes coleccións de Inglaterra, Francia, España, Italia, Estados Unidos, Portugal e Arxentina.