No Camiño Gatañal en Baíña, que soportaba unha forte pendente na súa conexión co Camiño Eidos, tería que facerse unha actuación desde hai anos para a mellora da recollida de augas pluviais. Nas semanas pasadas foi obxecto dunha intervención por parte do departamento de Vías e Obras do Concello de Baiona.
Os veciños da zona levaban anos pedindo unha solución á problemática que viñan padecendo durante tempo na zona. O concelleiro á fronte do departamento de Vías e Obras, Óscar Martínez, detalla que “se procedeu á construción de cuneta, á colocación dunha nova reixa e á substitución da tubaxe, mellorando a recollida de pluviais. Tamén se mellorou a accesibilidade rebaixando o firme e minimizando o desnivel na conexión, ademais de entubar parte da cuneta para conseguir un acceso máis seguro”.
Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, sinala que “con estes traballos mellorouse tamén a seguridade viaria da zona. Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a accesibilidade e a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais”, sinala o rexedor quen engade que “esta obra súmase a tantas outras que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.

