O IV Foro da Muller celebrarase en Porto do Molle

A sede de Zona Franca en Areal albergará a Xornada Soltando Amarras, que organiza Empresarias Galicia e que se celebrará o próximo mes de setembro destinada a emprendedoras, empresarias e directivas. O delegado do Estado, David Regades, reuniuse coa presidenta da asociación, Susana Pérez, así como con Yoya Núñez, Patricia Iglesias e Pepa Medina, da directiva, para concretar o apoio do Consorcio a esta nova actividade, ademais de ao Foro da Muller e o Congreso Empresarias Galicia.

David Regades sinalou que “Zona Franca é un aliado da asociación Empresarias Galicia desde que iniciou a súa actividade, porque a igualdade na empresa e en todas as actividades é unha causa na que estou implicado, como obxectivo fundamental dunha sociedade democrática e avanzada. Ademais, a actividade de Empresarias Galicia axuda a corrixir a situación de desigualdade nos postos de decisión das empresas, que revelan os estudos de Zona Franca realizados dentro do noso programa de Conselleiras”.

Susana Pérez explicou que “Soltando Amarras será unha actividade nova na que propoñemos unha xornada de networking e motivación, que nos demandaron emprendedoras, empresarias e directivas, co obxectivo de desenvolver habilidades de liderado, aprender ferramentas de xestión de equipos ou poñer en valor o papel da muller no ámbito da pesca”.

Ademais, Zona Franca apoiará o IV Foro da Muller, que se celebrará nas instalacións de Zona Franca en Porto do Molle en Nigrán, xornada na que a través de catro mesas debate relacionadas con catro sectores económicos e empresariais diferentes, analízase a situación da muller e contribúese a unha proposta de accións conxuntas para mellorar a situación do sector na sociedade. Tamén apoiará o VI Congreso Empresarias Galicia, que se celebrará o próximo mes de outubro.