Nova ocasión de recortar distancias para Alberto Meira no Rallye de Pontevedra

A cuarta proba da tempada, o Rallye de Pontevedra, será unha nova oportunidade para que Alberto Meira, copilotado por Avelino Martínez, loite pola primeira vitoria absoluta do ano, sabendo ademais, que o binomio cada vez é máis competitivo e as distancias co actual líder do certame cada vez son máis axustadas.

A cita pontevedresa preséntase cun ingrediente extra como é a choiva, que xa deixou as especiais moi delicadas nalgunhas zonas, e onde será difícil saber axustar a velocidade adecuada en cada situación para non levar sustos.

O piloto gondomarense analiza así o Rallye de Pontevedra: “Será unha cita onde como sempre saír ao ataque desde o quilómetro un, xa desde o tramo do venres sabemos que non podemos ceder nada para estar a presionar ata o final e tentar levarnos a vitoria. Á parte, ademais de Víctor Senra estarán tanto Paco Dorado como Jorge Pérez así que calquera erro grave faríanos perder moitos puntos para o campionato, o cal sería catastrófico. Por tanto esta proba é clave para tentar recortar distancias no certame e tratar de continuar o refacho no Sur do Condado, o noso rallye de casa”.

O Rallye de Pontevedra componse de tres especiais a triplo pasada, con tramos míticos como Meaño, Cerdedo e Campo Lameiro, aos que hai que engadir unha curta especial o venres nos arredores de Sanxenxo.