Gondomar presenta diferentes actividades xuvenís para o verán

O Concello de Gondomar pon en marcha un amplo abano de actividades infantís e xuvenís. Así a oferta inclúe dende obradoiros de cociña ata un curso de iniciación ou perfeccionamento de skate, pasando por un obradoiro para potenciar a capacidade de inventiva dos máis novos da casa.

As actividades enmarcadas dentro do programa Verán 2022 son A Pirámide; Pómonos a inventar; Curso de Skate; Hoxe cociñamos nós; e Unha viaxe ao meu corazón. O prazo de solicitudes comeza o 1 de xuño e remata 4 días antes do inicio de cada unha das actividades.

O rexedor local, Paco Ferreira, destacou que “con este variado e amplo catálogo de actividades, xunto con outras que se irán desvelando nos próximos días, Gondomar será un dos Concellos de Galicia con maior oferta cultural e de lecer para mozas e mozos neste verán”.

Os interesados deberán dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil no teléfono 986369746 ou no e-mail omix@concellodegondomar.gal.