
O edificio da nova Biblioteca Municipal de Nigrán resultou gañador onte do premio de arquitectura Technal de España e Portugal na gala bianual celebrada nesta edición en Eivisa. A obra do estudo vigués Gándara#Pons Arquitectos foi a elixida entre propostas de toda a península nun certame cuxo xurado estivo presidido por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021 (máxima distinción en España e que precisamente lle foi entregada este xoves en Palma de Mallorca).
Como en cada edición, o palmarés dividiuse en catro categorías: Habitar, Descubrir, Rehabilitar e Trabajar, gañando a Biblioteca esta última na que a ampliación do Hospital da Luz de Lisboa e a Unidade Industrial Santo Tirso (tamén en Portugal) obtiveron unha Mención Especial. Con este prestixioso recoñecemento, a nova Biblioteca de Nigrán sitúase ao nivel de anteriores gañadores como o Museo de Arte Contemporáneo Alacante, obra do célebre arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, ou do Palacio de Exposiciones y Congresos de Sevilla, de Juan Carlos Sancho e Sol Madridejos.
O xurado no seu fallo (que foi revelado na propia gala) destacou do edificio que “actúa como una rótula dentro del contexto urbano. Es de interés la volumetría de la fachada, fragmentada con una interesante composición de huecos con los diferentes planos, resuelta con cuatro materiales: la piedra, el vidrio, el revoco y las lamas de madera. A nivel interior, se genera una agradable atmósfera, bien resuelta, en los espacios de lectura y vestíbulos de acceso”. Como complemento a estas explicacións, proxectouse un vídeo-documental sobre o edificio ante os centos de profesionais do sector asistentes ao evento, entre eles os artífices do proxecto da Biblioteca, Lucas Gándara e Juan Pons. “El edificio engarza con la mejor tradición de la arquitectura gallega y portuguesa por la propia sencillez de los materiales, sobresaliendo la piedra”, sinalou ante o público José Francisco García Sánchez, membro do Xurado e un dos gañadores en pasadas edicións.
“Estamos moi orgullosos porque non cabe dúbida de que é un edificio singular e senlleiro que sitúa a Nigrán no mapa da mellor arquitectura contemporánea do país”, sinala o alcalde, Juan González, quen louba o magnífico traballo do estudo Gándara#Pons e o seu esforzo porque o proxecto saíse adiante sorteando innumerables trabas. “Agardamos que xa en poucas semanas o edificio poida abrir como Biblioteca unha vez que se ten licitada a dotación do mobiliario e equipamento precisos”, engade González. “Lamentamos a espera pero sabemos que pagará a pena porque a cambio temos un edificio icónico en Nigrán que ofrecerá un confort aos usuarios dificilmente superable”.
“Un dos maiores retos foi axeitar o edificio ao propio tecido urbano existente”, admiten desde o estudo Gándara#Pons, onde consideraron imprescindible adaptalo á escala dos edificios da contorna e abrilo visualmente á praza interior sobre a que, precisamente, o mesmo estudo vén de entregar ao Concello un proxecto de rexeneración. Destacan a concepción da cuberta, “concibida como unha quinta fachada a modo de terraza interior”. Os mesmos arquitectos serán os responsables de rexenerar a Praza Rosalía de Castro da Biblioteca.