Un proxecto da CEMMA finalista na convocatoria “Santander for the seas”

O proxecto da CEMMA “Friend SHIP orcas Rede cidadá para a protección e conservación dunha poboación ameazada e singular: as orcas ibéricas” figura entre os tres elixidos para o seu financiamento por parte da segunda edición do programa “Santander for the seas” da Fundación Banco Santander para protexer mares e océanos. Este proxecto pretende crear ferramentas de divulgación e educación ambiental que promovan a información sobre a especie, a permeabilización social do seu interese ambiental e en definitiva contribúa á súa conservación.

A candorca

A candorca (Orcinus orca) é unha especie de depredador mariño apical e cosmopolita. A subpoboación que habita na Península Ibérica está relacionada coas que habitan as augas de Canarias, e ambas están illadas xeneticamente das poboacións que habitan as augas de Noruega e Islandia. Durante a primavera e o verán, esta subpoboación ibérica aliméntase principalmente de atún vermello (Thunnus thynnus) no estreito de Gibraltar.

Estamos a falar dun pequeno núcleo poboacional, formado por menos de 50 exemplares adultos, agrupados en 5 núcleos familiares, que presentan diversas ameazas para a súa conservación, como a interacción coa pesca, a escaseza de recursos alimentarios e unha reducida taxa de natalidade e supervivencia.

Desde 2020, as candorcas ibéricas están implicadas nun novo comportamento, totalmente descoñecido para a comunidade científica, e do que non hai constancia en ningún outro lugar do planeta. Trátase dunha serie de interaccións con barcos, principalmente veleiros, que implicaban contacto físico cos barcos. En determinadas ocasións producíronse importantes danos, polo que os barcos quedaron sen control e tiveron que pedir rescate para ser remolcados a porto. Neste tempo xa faleceron dous exemplares, aínda por causas descoñecidas, pero isto non ocorrera con tanta frecuencia en anos anteriores. Ata finais de 2021 rexistráronse un total de 239 interaccións, o que preocupa tanto aos mariñeiros como á comunidade científica.

O tratamento dalgúns medios, e a transmisión de información inexacta, xerou certa alarma social entre os usuarios do mar (deportes náuticos, pescadores…) e entre a sociedade en xeral, chegando a repercutir moi negativamente tanto na percepción da especie como na proxección social cara á súa conservación. É por iso que baixo o principio de que só se conserva o que se ama e só se ama o que se coñece, a CEMMA trata de aportar información para contribuír á conservación da especie.

Estas candorcas que interactuaban cos barcos foron chamadas coloquialmente “GLADIS”, que provén do termo “gladiadores”, en homenaxe ao nome científico que o naturalista francés Pierre Joseph Bonnaterre (1752 – 1804) deu á especie en 1789: Orca gladiador, dentro da súa proposta para a clasificación sistemática dos cetáceos.

O proxecto

Dentro desta proposta de proxecto, decidiuse manter o termo AMIZADE, para levar a cabo unha serie de accións dirixidas a esta subpoboación de candorcas, que constitúen un exemplo da loita pola supervivencia e a conservación, xogando coas palabras entre amizade e barco, para tentar reducir a tensión con este sector.

Ademais de materiais útiles para redes sociais RRSS, como páxina web, vídeos, textos e imaxes, contará co deseño de materiais divulgativos de ampla difusión e uso nos obradoiros que serán levados a cabo para as diferentes idades do público.

Contará con materiais ilustrados polos debuxantes: Pepe Carreiro, con Os Bolechas, Manel Cráneo coa personaxe da detective ambiental Carmela Orzán ou a revista de naturalistas SALSEIRO deseñada por Tokio.

Este conxunto de materiais será destinado aos obradoiros que serán levados a cabo por toda a xeografía dende Gibraltar a Hondarribia.