Podemos Gondomar solicita o mantemento das estradas e beirarrúas de Couso e Peitieiros

Tras as queixas recibidas dos veciños denunciando o lamentable estado de abandono, a portavoz do Círculo de Podemos en Gondomar, Tania Alonso, confirmou o mal estado das vías e beirarrúas destas dúas parroquias. “Unha queixa veciñal que non parece chegar a oídos do señor alcalde, Francisco Ferreira, que semella, segundo a prensa, está máis preocupado pola reparación das vías de competencia autonómica que as do propio Concello”.

A formación morada solicita que se aceleren os trámites para executar o investimento de 3 millóns de euros que o alcalde anunciou o pasado mes de abril, co fin de mellorar a seguridade viaria de vehículos e persoas en todo o Concello. “Esta é unha mostra máis da pouca atención que o goberno local dá ás parroquias, semella que as hai de primeira e de segunda. O estado das beirarrúas de Couso e Peitieiros é lamentable, e os veciños e veciñas destas zonas tamén pagan impostos e merecen uns servizos públicos eficientes”, conclúe a portavoz local de Podemos.