O PP de Baiona denuncia unha vertedura de obra no aparcadoiro municipal dos Tendais

O PP de Baiona denuncia que o goberno local incumpre o artigo 14 da ordenanza municipal que impide o depósito de materiais na vía pública ao non recoller unha vertedura de entullos de obra acumulado durante máis de tres meses no aparcadoiro exterior municipal dos Tendais. A normativa local obriga a todos os cidadáns, empresas e administracións a depositar estes restos en contedores especiais, de forma acoutada, para o seu correcto tratamento posterior e convertendo este aparcamento situado no centro do municipio nunha entulleira.

Entre os restos atopados nos Tendais pódense atopar grandes cantidades de tubaxes de todo tipo, cableado e material procedente dunha obra executada para o Concello nas proximidades deste estacionamento, aberto ao público e utilizado por centenares de veciños e visitantes cada día. Todo este material, que nunca debeu de acumularse neste lugar, ademais está depositado no chan e sen o seu correcto valado de seguridade e salubridade para evitar danos maiores ás persoas e ao medio ambiente. “Esiximos ao cidadán que non verta en lugares incontrolados e resulta que é o propio goberno local o que non move un dedo para erradicalos, é inadmisible”, sentencian os populares, que urxen ao tripartito PSdeG-BNG-Nós a retirar estes entullos canto antes e a “dar exemplo” aos veciños.

O PP considera “imperdoable” que o alcalde socialista Carlos Gómez estea a permitir estas verteduras incontroladas e lamenta que unha vez depositados non actúe con rapidez para a súa retirada. Os concelleiros populares pregúntanse se despois de máis de tres meses ningún responsable do Concello preocupouse da presenza desta entulleira incontrolada en pleno centro de Baiona ou se, pola contra, son cómplices do seu depósito.