A CEMMA proxecta en Nigrán a curtametraxe “O son da balea”

Este venres día 27 ás 20:30 horas proxectarase no Auditorio do Centro de Negocios de Porto do Molle, en Nigrán, a curta “O son da balea”. Dirixida por Daniel Suárez Rubini con produción de Belle Films, foi gañadora do Premio do Público no Festival de Cans 2021. Os protagonistas principais están representados por Isabel Naveira, César Cambeiro e Denís Gómez.

Contarán coa presenza do director e do actor César Cambeiro, que participarán no debate. A entrada da actividade, que se enmarca dentro das actividades do 30º aniversario de CEMMA, será gratuíta ata completar aforo.

“O son da balea” é un proxecto de curtametraxe rodada na illa de Ons (Galicia) no ano 2020. Pon o foco na superación dunha perda, a loita contra os propios demos e de como ganar a partida ao pasado. Ten como tea de fondo un dos episodios xa esquecidos da historia de Galicia; a caza da balea.

A historia é un reencontro co pasado nun escenario único e especial rodeado polo océano: o retorno á illa que viu crecer a Naia, a protagonista desta historia. Alí rexurdirá de novo ese temor e misterio simbolizado en cantos de baleas. Será tamén alí onde se atopa cun antigo compañeiro, Brandán, que tamén deberá confrontar o pasado.

Un testamento fílmico daquela realidade que hoxe non existe, un grito de guerra contra a brutalidade animal, a destrución dos ecosistemas e o apoio á conservación das especies que habitan o noso planeta. “O son da balea” tamén é un intento por explorar e aprender do pasado a través da única arma da que dispoñemos para facelo: a memoria.

O acto, que será conducido polo actor e socio da CEMMA Aldán L. Dacosta, rematará cun debate no que participará o director e membros de CEMMA, no que se destacará a sinerxia entre a ciencia e a cultura, materializada nesta curtametraxe.