
A veciñanza de Gondomar protagonizou a concentración a prol do saneamento integral do concello convocada polo Bloque Nacionalista Galego. Na mobilización, celebrada o pasado sábado na Praza da Paradela, veciñas e veciños das distintas parroquias denunciaron o agravio que supón a falla de saneamento nas súas vivendas e esixiron do Goberno un plan urxente e priorizado de investimentos para as dotar dese servizo básico de competencia municipal.
Desde o BNG salientan que a veciñanza decidiu pasar á acción porque a realidade municipal é que hai máis de 3.000 vivendas sen sanear, nada menos que o 44% do total. Unha situación que fai pensar “en veciños de primeira e veciños de segunda” e que provoca contaminación ambiental e compromete a saúde pública. “Mentres o Sr. Ferreira, no canto de se ocupar dos servizos que ten a obriga de prestar, pretende tapar a neglixencia dos seus sete anos de goberno con promesas electorais como unhas piscinas fluviais que, segundo el mesmo, finalmente só serían lavapés, como se dun servizo básico se tratara”.
“Diante desta irresponsabilidade por parte do Alcalde, e a proposta da propia veciñanza, o BNG manterá a súa campaña de denuncia e de demanda dun plan urxente e priorizado de investimentos para dar saneamento ás vivendas que non o teñen”, conclúen os nacionalistas.