
O grupo de Nigrán, Teatro do Ar, recibiu hoxe unha mención especial nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven que organiza Coca Cola en España. O xurado destacou á compañía polo seu labor e polo compromiso social da súa “Lonxe dos teus abrazos”, escrita polo seu director, Pedro Rodríguez Villar, premiando así a traxectoria artística dun grupo de rapaces e rapazas que comezaron a soñar co mundo do teatro fai oito anos, cando crearon o seu grupo despois de rematar a súa etapa educativa no colexio Arquitecto Palacios de Panxón.
“Lonxe dos teus abrazos” é unha comedia romántica que nos mostra a dificultade dunha relación a distancia dun mozo e unha moza que soñan e queren ter unha vida adulta, pero que non rematan de adaptarse ao que se lles prometeu cando eran nenos. “Con esta obra falamos do difícil que é para os mozos e mozas vivir nun mundo que non era o que nos dicían ao tempo que reflexionamos sobre a saúde mental, o suicidio e o amor”, destaca Pedro Rodríguez. A obra interpretada por Sheila Figueroa e Carlos Denis será estreada nos vindeiros meses.
“Este recoñecemento anímanos a seguir soñando e traballando”, explican dende Teatro do Ar, que este mesmo ano tamén foron homenaxeados co Premio Nigrán á Cultura 2022.