
O goberno de Nigrán proporá no vindeiro pleno ordinario do 31 de maio unha rebaixa dun mínimo do 50% pola expedición de documentos administrativos. O goberno considera que a taxa reguladora aprobada no 2015 resulta abusiva, tal e como consecuentemente viñan denunciando os cidadáns.
Isto significará, entre outras cousas, que o certificado de padrón de unidade familiar pase de custar 6 € a 3 € e os distintos tipos baixen tamén á metade (a expedición do voante mantense de balde). Ademais, o goberno inclúe as fotocopias de documentos, cuxo prezo será reducido drasticamente dos 0,50€ por copia en B/N a 0,10, e de 1´50 a 0,50€ en caso de cor. Nas fotocopias realizadas na Biblioteca Municipal a rebaixa será aínda maior, pois suporá 0,05 para B/N e 0,10 cor (a partir de 20 follas iguálase aos prezos da Casa do Concello).
A modificación da ordenanza inclúe a eliminación da taxa para compulsas e copias auténticas, que pasarían a ser gratuítas fronte 1,50 €/unidade que custan actualmente.
«Recibimos moitas queixas dos veciños porque son taxas desorbitadas, máxime se se compara con outros municipios próximos, polo que é de xustiza rebaixalas», considera o alcalde, quen incide en que «son cuestións básicas que nunca deben ter afán recadatorio».