Cristina Maró, Nerea Garmendia e Rafa Durán protagonizan o espectáculo “2 Mulleres+1 de Bandeiras” en Nigrán

O Concello de Nigrán continúa este venres 20 de maio ás 20:00 horas na Praza do Concello coa súa programación especial polo Día das Letras Galegas co espectáculo de humor “2 Mulleres +1 de Bandeiras” , a cargo de Cristina Maró, Nerea Garmendia e Rafa Durán. Os tres ofrecerán un show de monólogos e improvisación no que precisamente o idioma galego e a idiosincracia dos galegos serán os protagonistas.

“Será unha noite para rir e pasar un bo intre en familia ao tempo que se deixa testemuña da riqueza do galego”, explica o alcalde, Juan González, quen louba a traxectoria dos tres protagonistas.

O presentador e comediante Rafa Durán, orixinario de Baiona, será o encargado de “quecer” o ambiente entre o monólogo das actrices e presentadoras Cristina Maró (reporteira de La Sexta, “La hora de José Mota”, “Land Rober”, “Aida”…) e Nerea Garmendia (“Vaya Semanita”, “La noche con Fuentes y Cía”, “Los hombres de Paco”, “La alfombra roja Palace”…). O espectáculo incluirá a participación do público, que aportará palabras, expresións ou frases típicas no galego para poder improvisar con elas.

Na parte de monólogos as dúas actrices falan das súas calamidades e de como, grazas ao seu positivismo, o converten nunha arma para enfrontarse á vida. Cóntannos experiencias sobre o amor, a vida e as súas enfermidades. Nerea Garmendia ten epilepsia e xordeira e Cristina Maró esclerose múltiple. As dúas, a pesares das súas doenzas, saben sacarlle o positivo á vida e utilizalo ao seu favor.