A Área Sanitaria de Vigo vai desenvolver un programa para utilizar a realidade virtual como complemento terapéutico para os nenos e nenas con procesos oncolóxicos. Así, a través do Grupo de Investigación do IISGS, oncólogas pediátricas e fisioterapeutas, en colaboración coa Asociación Bicos de Papel, van desenvolver un proxecto que ten dous obxectivos. Por unha banda, ofrecerlles aos pequenos que vaian a realizarse probas complementarias no hospital -analíticas, puncións, probas radiolóxicas ou TAC-, unhas gafas de realidade virtual. A realidade virtual ten demostrado ser útil no manexo de procesos dolorosos e de ansiedade nestes pacientes, como elemento distractor da atención e contribuíndo a dar apoio emocional. Así, a utilización das gafas mentres se lles realiza unha proba diagnóstica contribuirán ao control da ansiedade, dos medos e fobias.
Exercicio Físico
A outra finalidade deste Programa é a utilización dos exergames ou videoxogos interactivos para mellorar a capacidade funcional dos nenos e nenas en tratamento con quimioterapia e radioterapia, a través do exercicio físico.
A coordinadora da Unidade de Oncoloxía Infantil, María Tallón, explica que “os procesos oncolóxicos teñen gran impacto na calidade de vida dos pacientes, tanto no seu benestar mental como físico, xa que como consecuencia dos efectos da quimioterapia poden presentar fatiga, cambios de peso ou atrofia muscular. Iso implica que realicen menos actividade física e sexan pacientes máis sedentarios. Por este motivo, é necesario promover o exercicio terapéutico para o mantemento e mellora das súas capacidades físicas e funcionais durante todo o proceso, dado que unha actividade física regular mellora a calidade de vida”.
Así, os especialistas teñen constatado que o desenvolvemento dun programa virtual inmersivo de exercicio terapéutico en domicilio aporta uns resultados moi satisfactorios e “tras 8 semanas de adestramento os pacientes presentaron gran melloría en aspectos como a forza, os tempos de reacción, a resistencia aeróbica, a orientación visuespacial e a flexibilidade”.
26 novos diagnósticos o pasado ano
Con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil, o Álvaro Cunqueiro desenvolveu este xoves diversas actividades informativas coa colaboración das Asociacións Bicos de Papel, Asanog e os Pallasos de Galiclown. No pasado ano, o Chuvi diagnosticou a 26 pacientes con patoloxía oncolóxica infantil maligna, cifra similar á dos últimos anos, con predominio de tumores do sistema nervioso central e sarcomas óseos.
En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 160 menores das áreas sanitarias de Vigo e Ourense. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital. Nestes momentos, o Hospital de Día atende a 23 pacientes que están en fase de tratamento activo (quimioterápico). O cancro infantil non se pode previr, polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos. A día de hoxe o índice de supervivencia do cancro infantil en España continúa sendo do 82% con tendencia ao alza.

