Concerto de Laura Medina e Lucía Moreno coa “bailaora” María Arroyo en Nigrán

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 21 de Maio ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto da saxofonista onubense Laura Medina e a pianista cordobesa Lucía Moreno acompañadas da “bailaora” María Arroyo. A actuación encádrase no I Ciclo de Novos Intérpretes lanzado o pasado ano desde o consistorio. A entrada, como a todos estes concertos, é de balde ata completar o aforo. O dúo interpretará temas de Fernande Decruck, Jean Denis Michat, Christian Lauba e Astor Piazolla. O repertorio e o dossier completo da formación están pendurados na web municipal http://www.nigran.es.

I Ciclo de Novos Talentos

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.