Anuncios
Ticker de novas

Baiona tramita sancións por deixar bolsas de lixo fóra dos colectores

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Avisos da normativa de limpeza e recollida de lixo.

O Concello de Baiona está a tramitar sancións tras detectar o incumprimento da ordenanza reguladora de limpeza e recollida de residuos sólidos urbanos e lembra a obrigatoriedade de cumprir os horarios establecidos e de depositar as bolsas nos colectores.

Unha patrulla medioambiental do Concello de Baiona detectou nos últimos días a existencia de bolsas de lixo fóra dos lugares indicados para a recollida dos residuos, polo que deu aviso á Policía Local para que procedese a apertura e identificación dos autores da vertedura irregular e así proceder á imposición da correspondente sanción. As multas poder ir ata un máximo de 300 euros por infraccións leves e de ata 3.000 euros para as infraccións graves.

“Estamos sorprendidos de que haxa xente que deposite as bolsas fóra dos colectores cando estes están baleiros, un feito que vai en contra da convivencia cidadá na nosa Vila, polo que tomaremos medidas de forma inmediata e haberá sancións para os autores”, explica o alcalde, Ángel Rodal.

Nas últimas semanas o Concello de Baiona procedeu á renovación dun total de 300 colectores para substituílos por 85 con maior capacidade e mellores prestacións. Os novos colectores teñen unha capacidade moi superior. Así, 65 son de 3.200 litros cada un e os outros 20, de 1.800 litros, o que permitiu reducir a superficie ocupada na vía pública para conseguir rúas máis transitables e reducir as barreiras visuais.

Os novos colectores son de última xeración e están fabricados en polietileno, o que facilita a súa limpeza e prolonga a súa duración. Unha das principais características das unidades é que son herméticos e contan cun sistema de autopechado, polo que reducen considerablemente as molestias ocasionadas polos olores.

“O Concello de Baiona é un dos poucos municipios que mantén activo o servizo durante todos os días do verán, sen excepción, no centro da Vila para atender ao aumento de poboación na tempada estival e este ano fixemos unha aposta moi grande para mellorar o sistema de recollida”, explica a concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias.

O Concello de Baiona lembra que o horario establecido para depositar o lixo é de 20:00 a 05:00 horas e que tanto establecementos privados como usuarios particulares deben depositar as bolsas, debidamente pechadas, no interior dos colectores.

ARTIGO 31 DA ORDENANZA MUNICIPAL DE LIMPEZA E XESTIÓN DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS.

OBRIGAS E PROHIBICIÓNS:

1. Os usuarios están obrigados a deposita-los residuos domiciliarios, salvo os que teña recollida selectiva (vidro, papel, cartón, aceite, etc.), en bolsas de plástico. Estas bolsas, perfectamente pechadas, depositaranse nos colectores normalizados colocados ó efecto. As bolsas de plástico serán substituídas por outras de materia biodegradable cando a realidade tecnolóxica e económica o permitan.

2. O depósito dos lixos non se realizará no colector cando o mesmo se atope desbordado debendo desprazarse o usuario ó colector máis próximo. Unha vez realizada esta operación deberase pechala tapa para garantila salubridade e hixiene medioambiental.

3. Todo usuario que vaia depositar residuos cuxo volume sexa susceptible de ser reducido deberá proceder a dita redución antes de depositalo no colector.

4. O usuario está obrigado a pechar hermeticamente as bolsas de lixo, de modo que non se produzan vertidos. Si, como consecuencia dunha deficiente presentación dos lixos, producíranse vertidos, o usuario causante será responsable da sucidade ocasionada.

5. As embalaxes de plástico ou substancias similares deberán depositarse suficientemente protexidas para impedir que se espalle o seu contido na vía pública.

6. Prohíbese o depósito de lixos que conteñan residuos líquidos ou susceptibles de licuarse.

7. Non se autoriza o depósito de lixos a granel ou en caldeiros, paquetes, caixas ou similares.

8. Prohíbese o abandono de residuos. Os usuarios están obrigados a depositalos con arranxo ós horarios establecidos e nos lugares e formas sinalados.

9. Prohíbese trasladalos colectores do lugar sinalado polo Concello.

10. Ó obxecto de evitar malos cheiros, as bolsas depositaranse nos colectores entre as 20.00 e as 05.00 horas. Este horario de recollida de lixo poderá ser variado en función das necesidades do servizo municipal e será comunicado ós cidadáns mediante o bando correspondente.

Anuncios