O CPA Gondomar proclámase subcampión de España de Grupos-Show Pequenos

O CPA Tona é o novo rei de España de Grupos-Show Pequenos. O club catalán proclamouse campión tras sumar 96.200 puntos co seu espectacular “Artistic Project”. O Pavillón Olímpico de Reus acolleu esta fin de semana con gran éxito organizativo e de afluencia de público o XX Campionato de España de Grupos-Show Grandes e Pequenos. Reus foi unha auténtica festa e os clubs deron o maior dos espectáculos.

O subcampión de España foi o CPA Gondomar, que saía en décimo quinto lugar, cunha puntuación final de 93.200. O grupo da Federación Galega de Patinaxe puxo en escena o seu incrible “Las Kaneri”. A loita polo terceiro posto foi frenética e finalmente, o CP L’Aldea, co seu “Quiero desaparecer”, colgouse o bronce cunha puntuación de 90.800. Tanto o CPA Tona como o CPA Gondomar obtiveron praza para os World Skate Games 2022 e o Campionato de Europa. Pola súa banda, o CP L’Aldea poderá escoller onde participará e o AP Lliçà de Vall con “Neurotik”, quedou en cuarto posto con 86.100 puntos.

O nivel da patinaxe artística española continúa subindo ano tras ano e a igualdade foi a tónica dominante da competición. Seis foron os grupos que superaron os 80 puntos de puntuación demostrando que todos os equipos melloran cada edición.

Toda a competición pódese volver ver en Xala! e en RFEPTV, a canle oficial da Real Federación Española de Patinaxe.