Alberto Meira demostra o seu ritmo e asina a segunda posición no Rallye Mariña Lucense

A cita viveirense supuxo un novo desafío para o equipo AMF Motorsport, unha proba na que había depositada moita confianza tras o gran ritmo demostrado por Alberto Meira e Avelino Martínez en Noia.

A pesar de todo, a primeira especial non comezaba nada ben, pois o equipo cedía cinco segundos respecto ao scratch perdendo practicamente o mesmo tempo ao calarse o coche na saída. A pesar de todo, o equipo soubo repoñerse, marcando o mellor crono na segunda cronometrada. A partir de aí, comezou un tira e afrouxa onde a máxima diferenza na xeral foron sete segundos e a mínima pouco máis de dous, xusto no ecuador da proba.

Tras a segunda pasada por Vicedo na que cedían un par de segundos, Alberto Meira e Avelino Martínez sufrían un infortunio en forma de picada durante a especial de Cervo, cedendo demasiado tempo na loita polo triunfo, aínda que mantiñan a segunda praza. Co último bucle de mero trámite a asegurar a praza, Meira volvía picar, aínda que sen poñer en risco a súa posición, que en todo caso é positiva pois a regularidade este ano será primordial.

O de Vincios resumía así a súa actuación: “Unha vez máis estivemos preto de Víctor na loita polo triunfo, pero tamén unha vez máis a mala sorte apartábanos da vitoria cunha picada. A pesar de todo estamos contentos coa nosa velocidade, e isto só dános máis ánimos para as dúas próximas carreiras que tocan, xa que tanto Pontevedra como o Sur do Condado espero que nos brinden máis alegrías e seguir na pelexa polo campionato e as copas de promoción”.

A seguinte parada do Campionato Galego de Rallyes será en Pontevedra, unha proba que se celebrará o 24 e 25 de xuño.