Ribera Povisa aplica un novo tratamento para a disfunción eréctil con ondas de choque efectivo ao 85%

O servizo de Uroloxía de Ribera Povisa conseguiu un 85% de efectividade no tratamento da disfunción eréctil de orixe vascular cun novo tratamento de ondas de choque. O procedemento non require de anestesia, analxesia nin hospitalización, e permite estimular a xeración de vasos sanguíneos, mellorar a circulación e eliminar os puntos dolorosos. “As ondas de choque de baixa intensidade melloran de forma notable a función eréctil e a satisfacción dos pacientes”, explica o doutor José Luis Quintana.

A alta tecnoloxía de cristais piezoeléctricos empregada en Ribera Povisa permite aplicar ondas de choque de baixa enerxía con protocolo focal e radial á profundidade e intensidade precisas, en función de cada patoloxía. A elevada efectividade deste método -unha maior cavitación sobre o tecido logra máis beneficio terapéutico que outros aparellos-, consegue que “pacientes que necesitaban tomar medicación para ter unha erección ou mantela xa non a precisen, e aqueles que non respondían os medicamentos orais agora si o fagan, e os efectos secundarios son moitísimo menores”, subliña José Luis Quintana.

A disfunción eréctil, que afecta a un de cada dez homes, pode enmascarar outro problema de saúde, polo que é necesario que sexa un médico experto quen administre o tratamento. O tabaquismo, unha presión arterial alta, a diabetes, as enfermidades cardíacas, certos fármacos ou o envellecemento -a prevalencia rolda o 25% a partir dos 50 anos- son algúns dos factores de risco. O servizo de Uroloxía de Ribera Povisa realiza por iso, de maneira previa, unha historia clínica completa -desde analíticas a electrocardiogramas e ecografías-.

Como é o tratamento

As ondas de choque aplícanse directamente sobre o pene sen necesidade de anestesia. “É rápido, seguro, efectivo e non é invasivo”, apunta o doutor Quintana. As sesións teñen unha periodicidade semanal e unha duración aproximada de 30 minutos e, ao acabar, o paciente márchase á súa casa. Sete sesións adoitan ser suficientes, pero “cada paciente é único, polo que os tratamentos deben individualizarse sempre”, resalta.

Este procedemento aplícase tamén para tratar a enfermidade de Peyronie (unha afección non cancerosa que causa ereccións curvas e dolorosas), ao actuar sobre a placa de fibrose e o tecido eréctil, polo que pode evitar incluso a cirurxía e frear o avance da doenza. En caso de dor pélvico crónico ofrece ademais bos resultados cando outros tratamentos fallan.

Máis sobre as ondas de choque

As ondas de choque son ondas de presión que se desprazan a través dun medio á velocidade do son. O seu efecto analxésico e antiinflamatorio fai que se empreguen para o tratamento da dor en múltiples procesos traumatolóxicos (tendinites, fascitis plantar, cóbado de tenista…), converténdose nunha das terapias máis avanzadas neste campo.

“En EEUU empezouse a aplicar tamén de maneira experimental para rexeneración cardíaca”, explica José Luis Quintana, xa que “favorecen a neovascularización, é dicir, a formación de novos vasos sanguíneos e a reperfusión -subministración sanguínea- do corazón”. “O potencial é enorme”, asegura. Por iso, Ribera Povisa ten previsto crear unha Unidade de Ondas de Choque que involucre a varias especialidades, como Rehabilitación, Cirurxía Maxilofacial e Uroloxía.