
As actividades das Letras Galegas organizadas dende os servizos de Lingua e Memoria da Deputación de Pontevedra chegarán a 35 concellos de todas as comarcas da provincia para dar a coñecer a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán grazas ao espectáculo “De Valdeorras a México. Terra A Nosa”. Na zona do Val Miñor a representación chegará a Baiona o 10 de xuño e a Gondomar o 3 de xullo.
Trátase dun espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) co Día das Letras Galegas 2022. A deputada de Lingua e Memoria María Ortega considera que o autor é unha das voces máis senlleiras da literatura do exilio polo que nas actividades de realce da súa figura organizadas dende o organismo provincial era precisa unha programación que tivera como protagonismo á cativada. “Por iso ideamos da man da afamada empresa de contacontos ‘Polo correo do vento’, unha actividade que, de xeito ameno e participativo, lles achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á Terra e mantemento da loita polos ideas, mesmo nas peores das circunstancias”, subliñou a nacionalista.
Na actividade alternarase a narración da biografía de Delgado Gurriarán, coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realice a súa propia caricatura do autor.
Foron adxudicatarios das obras os 35 primeiros concellos que presentaron instancia de solicitude, esgotándose os espectáculos dispoñibles apenas en tres horas. Para a deputada María Ortega o interese amosado polos concellos é mostra de que cada vez máis hai consciencia da necesidade de que as administracións locais traballen a prol da lingua e da memoria, achegando a cativada formatos atractivos para tratar os temas segundo a idade.
Ademais das obras sobre Florencio Delgado Gurriarán, a Deputación tamén achegará ás bibliotecas municipais e aos centros de ensino pequenas biografías destinadas á cativada. Para o alumnado de Primaria o servizo Editorial da Deputación editou a peza “Levar paisaxes nos ollos” e para a xente moza editou unha banda deseñada coordinada por Kiko da Silva, con guión de Fernando Llor e ilustracións do alumnado de “O Garaxe Hermético”. Cadansúa das publicacións tivo unha tiraxe de 1.000 exemplares.