A Copa de España de Ciclismo en estrada para a categoría Elite/Sub 23 pasará por Baiona

A Copa de España de Ciclismo en estrada para a categoría Elite/Sub 23 pasará polo Concello de Baiona o vindeiro domingo 15 de maio. Unha proba que se realizará grazas ao esforzo, a ilusión e o traballo do Club Ciclista Rías Baixas, que fixo posible que podamos gozar desta magnífica proba e deleitarnos cun amplo e rico patrimonio deportivo e cultural relacionado co ciclismo.

Os baioneses, baionesas e visitantes poderán gozar do paso deste gran escaparate do ciclismo amateur español na súa marcha pola vila, atravesando a súa travesía litoral desde Santa Cristina da Ramallosa en dirección Baredo para subir pola estrada da Virxe da Rocha ata o Alto da Groba.

Con motivo desta proba, o tráfico quedará puntualmente cortado en xornada de mañá entre as 10:00 e as 11:00 horas á espera do paso do pelotón desde a glorieta de “Puente Romano” ata a glorieta de entrada sur a Baiona, rotonda do Villa Rosa, e na estrada de subida ao Alto da Groba.