Sin categoría

O gondomareño Artai Bringas proclámase campión galego de xadrez lóstrego

Esta pasada fin de semana celebráronse nas instalacións do hotel Scala de Padrón os campionatos galegos de xadrez lóstrego e rápidas.

Na xornada do sábado celebrouse a modalidade lóstrego a nove roldas e un tempo de 3 minutos máis 2 segundos de incremento por movemento, no que o ex laroqueiro Artai Bringas, agora na escola de xadrez Compostela, proclamouse campión galego con 8 puntos de nove posibles, perdendo soamente na terceira rolda ante o mestre internacional do club Fontecarmoa de Vilagarcía Julio Suárez Gómez, que remataría na segunda posición, completando o podio o chantadino Alejandro Fernández López.

Na xornada do domingo celebrouse o torneo de rápidas a nove roldas e un tempo de 10 minutos máis 5 segundos de incremento por movemento, na que o gondomareño rematou no cuarto posto con sete puntos, perdendo na cuarta rolda co terceiro clasificado e facendo táboas na sétima e novena rolda co segundo clasificado.

Samuel Rodríguez, o único representante do Laroca neste campionato, rematou no posto 103 con 3,5 puntos, e o ex laroqueiro Mauro Sanromán agora no xadrez Mos, rematou no posto 75 con 4,5 puntos.

O campionato foi para a xogadora do club xadrez Rianxo e mestra fide Inés Prado Acebedo, completando o podio Antonio Pazos do círculo ferrolán e Luis Marcos Medarde do xadrez Verín.