Gondomar estrea o seu parque lúdico canino de 3.000 metros cadrados

O Concello de Gondomar vén de gañar un novo espazo público para o lecer canino e o descanso e esparexemento de viandantes, unha obra financiada cunha achega da Deputación de preto de 85.000 euros ao abeiro do Plan Concellos. Os deputados provinciais Carlos Font e Iria Lamas, acompañados do alcalde, Francisco Ferreira, estiveron hoxe na estrea oficial deste novo equipamento da avenida Curros Enríquez, que constitúe o maior parque lúdico canino do sur da provincia.

O proxecto consistiu na creación dun recinto para as mascotas e dun parque no que se habilitou unha área de merendeiro para a veciñanza, unha pérgola e un circuíto dotado con aparellos biosaudables. En total, obrouse nunha superficie de 3.000 metros cadrados, nos que se procedeu á preparación e pavimentación do terreo, creación de superficies con area, cercado do recinto, instalación da rede de alumeado, saneamento e auga para as fontes e preparación do céspede. A actuación contemplouse o subministro e colocación dunha papeleira e contedor de residuos caninos e o acabado final das fontes e biosaudables, entre outras pezas de mobiliario.

O novo parque está dotado de aneis de salto, mesas caninas, pasos, ramplas e corredores para as mascotas que dan lugar a un circuíto agility (modalidade que combina a disciplina e o deporte neste tipo de percorridos e que os animais deben superar acompañados dos seus donos/as). Ademais, as novas instalacións destacan pola súa orientación pedagóxica pensada para que os cans e cadelas saiban como actuar; e por estar valadas, posibilitando que poidan interactuar soltos no interior á vez que se garante a súa seguridade. Pola súa banda, a zona de biosaudables está dividida nunha subzona adaptada, outra para dúas persoas e outra que dá cabida a sete usuarios simultaneamente.

A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 9,2 millóns de euros no Concello de Gondomar desde 2015, tempo no que se financiaron preto de 50 obras de saneamento, pavimentación de camiños, infraestruturas e mellora dos equipamentos do municipio a través do Plan Concellos. Ademais, subvencionáronse múltiples actividades socioculturais para a dinamización da vila e procedeuse á contratación de máis de 70 persoas para traballar en servizos de competencia municipal. Este ano, o Plan Concellos destina outros 1.018.584 euros de financiamento regrado para Gondomar.