O CPI Cova Terreña acolle a exposición “Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella avogou hoxe en Baiona pola coeducación desde idades temperás como o camiño para acadar unha Galicia máis igualitaria, máis xusta e máis diversa. Na inauguración da exposición da Xunta “Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas”, López Abella afirmou que educar é a semente da igualdade e, por iso, afirmou que apostar pola coeducación é apostar por unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes, sinalando a importancia de transmitir valores de xustiza e igualdade de xeración en xeración.

“Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas” percorre desde hai un ano as bibliotecas autonómicas para dar a coñecer a traxectoria de doce escritoras e comunicadoras galegas comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia. “Esta exposición supón o merecido recoñecemento ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre mulleres e homes”, apuntou.

Así, mulleres comprometidas de varias xeracións conforman a mostra, que está estruturada por un conxunto de paneis que dan conta das vivencias, a biografía e as experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e correspondentes de guerra.

Recóllense as opinións de Emilia Pardo Bazán en máis de dous mil artigos de prensa ou de pioneiras como Concepción Arenal ou Mª Luz Morales, primeira directora dun xornal. Parte da exposición dedícase ademais a Sofía Casanova, correspondente de guerra, e a Virginia Felicia, coñecida como A raíña do folletín. Completan o elenco nesta exposición as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a crítica literaria Concha Castroviejo; Mercedes Vieito, que exerceu o xornalismo desde Cuba; a escritora María Vinyals e Avelina Valladares, articulista e poetisa.

Na colección amósanse, de xeito visual e didáctico, diversos aspectos das súas traxectorias, que viron marcadas, na práctica totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.

A Xunta persegue, en definitiva, coa mostra que a mocidade coñeza esta parte da historia de Galicia e dos inicios da loita pola igualdade. As primeiras xornalistas forman parte doutros recursos didácticos da Consellería de Emprego e Igualdade, pensados especialmente para os centros educativos, como é a exposición Wonenburguer, que tamén estivo presente no colexio Cova Terreña.