180 maiores de Nigrán coñecen a illa de San Simón

Un total de 180 maiores de Nigrán participaron este venres no programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha visita guiada á illa de San Simón e comida-baile en Redondela.

Os participantes saíron en catro autobuses ás 10:00 horas desde a Casa do Concello cara a Vilaboa para alí mesmo dividirse en dous grupos de 90 persoas que visitaron alternativamente San Simón e as salinas de Ulló. Trátase da primeira vez que Nigrán ofrece unha excursión a esta illa, un lugar que foi empregado ao longo da súa Historia como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos. Á mesma acudiu o alcalde de Nigrán, historiador que precisamente ten publicado un libro sobre o seu uso como cárcere durante o franquismo. Ao rematar, o grupo ao completo xantou no restaurante Casas de Redondela, onde se divertiron cun baile ata ben avanzada a tarde.

O goberno local de Nigrán entende que viaxar para as persoas maiores despois da inactividade do Covid-19 é especialmente importante. “Non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para eles, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.