Vive Nigrán organiza a primeira xornada de recollida de residuos

O festival Vive Nigrán a través da súa iniciativa Vive Sostible convoca a primeira xornada de recollida de residuos en Praia América coa colaboración do Concello de Nigrán, o vindeiro domingo 8 de maio. A xornada de recollida arrancará ás 11 da mañá. As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a través dun formulario na web do Concello de Nigrán http://www.nigran.es. O prazo para as inscricións abrirase este venres 29 de abril e finalizará o venres 6 de maio. O punto de encontro para os participantes será a escultura de BALMI (cedida por Vive Nigrán), xunto ao recinto do festival (Monte Lourido).

A sexta edición do Festival Vive Nigrán continuará impulsando accións vinculadas coa sustentabilidade e a protección da contorna dentro da súa iniciativa Vive Sostible. Durante este ano está previsto que se celebren máis xornadas de recollida de residuos en praias do municipio. Desde o seu inicio, a organización de Vive Nigrán, tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o festival. Medidas como proporcionar vasos biodegradables, a instalación dun xerador fotovoltaico, garantir a seguridade na zona dunar e actividades para os máis pequenos con obradoiros de reciclaxe así o testemuñan en anos anteriores.

Seguindo os obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos. O festival sumouse ao Pacto Cultura Sustentable para reforzar o seu compromiso por ofrecer un evento máis respectuoso co medio ambiente.

O festival Vive Nigrán celebrará a sexta edición o 15 e 16 de xullo, con Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro, La Bien Querida, Niña Polaca, Cariño, Grande Amore, Colectivo Da Silva, Karavana, Eme DJ, e Cool Nenas no cartel. Á programación desta edición súmase unha xornada extra, Vive Nigrán [+] co concerto de MIGUEL RÍOS & THE BLACK BETTY TRIO o domingo 17 de xullo. Un festival con programación para todas as idades, que volve a Monte Lourido, nesta edición co público de pé, e nunha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán.