Persoas con autismo de Portugal, Noruega e España desfrutan das bicicletas adaptadas de Nigrán

Unha ducia de persoas con autismo pertencentes a asociacións de Vigo, Leiría (Portugal) e Terrak (Noruega) gozaron onte ao mediodía dun paseo por Praia América cos ciclos adaptados do Concello de Nigrán. O consistorio dispón, como parte fundamental da súa política “Un Nigrán para todos”, dunha bicicleta adaptada con cadeira de rodas, outra igual pero con motor eléctrico, unha cadeira todoterreo monorroda tipo Joëlette, dous triciclos tándem tipo co-pilot e unha bicicleta adaptada, as cinco con base no pavillón municipal de Panxón e empregadas con asiduidade por usuarios do CEE Juan María ou por quen o solicite, como foi este caso.

“Autismo-Vigo pediunos poder empregalas como parte das actividades que están a ter na xuntanza desta semana e desde o Concello encantados, porque para iso están precisamente”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca que para moitos será a primeira experiencia en bicicleta, “un motivo máis para sentirnos orgullosos de ser os ‘facilitadores’ desta actividade que, en xeral, lles encanta”.

Todos participan no proxecto europeo “InAutism, Fostering Adult Integration” encadrado no programa Erasmus+ e que, neste caso, comparten a entidade Autismo Vigo, APPDA Leiria e Fundación Peacepaiting de Terrak. O proxecto comezou en marzo do 21 e rematará en febreiro de 2023, compartindo nos tres lugares de orixe experiencias e reunións tamén de técnicos.