O PP de Baiona critica o “malgasto” de 14.350 € en redactar un proxecto para Carabela Pinta que xa existía

O PP de Baiona desvela que o tripartito que dirixe o socialista Carlos Gómez “malgastou 14.350 euros do diñeiro de todos os veciños” na redacción dun proxecto para a “Adecuación urbana e mellora das redes de servizos na rúa Carabela Pinta” que xa existía no 2018 e que foi elaborado polo equipo de goberno do PP. O grupo municipal popular lamenta que o goberno local preferise metelo nun caixón simplemente por ser iniciativa do PP e pagar novamente por un proxecto que xa estaba realizado.

Para o PP, que celebra que este goberno local queira facer súa unha idea do anterior goberno popular, considera que o lóxico fose solicitar á mesma empresa redactora que leva a cabo as modificacións que estimasen oportunas do proxecto xa redactado e pago con anterioridade, o que supoñería un aforro para o Concello ao supoñer un custo moito máis baixo para as arcas municipais, ademais dunha redución nos tempos de tramitación. “Con todo, na súa nefasta xestión malgastan un diñeiro que podería utilizarse para outras cuestións necesarias”.

Os concelleiros do grupo municipal do PP de Baiona poñen de manifesto que este “malgaste” do tripartito, “sumado a outros moitos ao longo da lexislatura”, está a pagarse co diñeiro de todos os cidadáns de Baiona, non só no caso da mellora de Carabela Pinta senón noutros moitos proxectos que naceron durante a xestión do Concello por parte do PP “e polos que PSdeG, BNG e Nós están a volver a pagar sen pensar nas consecuencias para a economía local e para os intereses dos baioneses”. “Naqueles que non puideron facelo, como a reforma da Praza de Victoria Cadaval de Sabarís, pola súa inacción, perderon 1,16 millóns de euros concedidos pola Xunta. Unha obra que os veciños de Baiona, especialmente de Sabarís, aínda están a esperar por ela”.