
O Monte Real Club de Yates e Repsol poñen en liza a partir deste venres e ata o domingo a clásica Regata de Primavera, unha das citas máis lonxevas do calendario náutico español, que este ano cumpre a súa cuadraxésimo cuarta edición coa participación de máis de 40 barcos e novidades no seu programa deportivo.
Entre os cambios introducidos na competición, o primeiro e máis destacado é que se recuperan as regatas costeiras de ida e volta entre as rías de Vigo e Pontevedra. En 2016 celebrouse a última competición con este deseño, cunha navegación ata Sanxenxo; e tras anos movéndose pola ría de Vigo e o arquipélago das Cíes e Ons, neste 2022 o Monte Real Club de Yates elixiu Combarro como porto de destino.
Ao pintoresco pobo pontevedrés chegarán desde Baiona as tripulacións participantes o sábado 30 de abril, e un día despois, o domingo 1 de maio, realizarán o percorrido inverso, de regreso ao Monte Real, onde os trofeos das diferentes clases estarán a esperar aos seus respectivos gañadores.
Durante a fin de semana celebraranse as dúas regatas costeiras, pero o Trofeo Repsol deste 2022 incluirá outras tres probas máis, o venres pola tarde. Serán tres percorridos do tipo barlovento sotavento nos que participará, unicamente, a frota de J80.
O regreso dos bastóns ao programa da competición é outra das novidades deste ano e o protagonismo especial que se lle dá ás tripulacións de 8 metros vén motivado por ser esta una das clases máis numerosas nas competicións que se celebran en Galicia, e pola proximidade do Campionato de España e o Mundial da clase que se celebrarán en Baiona.
Así as cousas, o J80 que resulte gañador na Regata de Primavera, será patrocinado con 7.000 euros polo club baionés para que poida viaxar ao europeo da clase que se disputa en xullo na bretaña francesa.
O comodoro do Monte Real, Ignacio Sánchez Otaegui, que tamén forma parte da frota de J80, asegura que se trata “dun impulso necesario para que os monotipos galegos sigan crecendo e mellorando para as grandes citas nas que Galicia será protagonista e nas que esperamos que as nosas tripulacións dean o mellor de si mesmas e a mellor imaxe de fronte ao mundo”.
Foi o que dixo na presentación oficial do evento celebrada este xoves en Baiona, na que a Xefa de Mariña e Pesca de Repsol, Inés González Megido destacou “a estreita vinculación que souberon manter ao longo dos anos o club e a empresa para consolidar unha competición tan importante para Galicia como é a Regata de Primavera”.
Na mesma idea incidiu o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, para quen o Trofeo Repsol é sen dúbida “una das regatas máis importantes do club, non só polos seus 44 anos de vida, senón por levar máis de 20 anos co mesmo patrocinador, algo pouco habitual” que “nos fai sentirnos moi orgullosos -dixo- da confianza depositada por Repsol en nós”.
O Trofeo Repsol enmárcase dentro do programa “Vela en Feminino” do Monte Real e isto implicará a participación de tres tripulacións formadas exclusivamente por mulleres. Ese impulso á muller na vela foi algo que destacou o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia na súa intervención. José Ramón Lete Lasa dixo que “o número de licenzas deportivas creceu un 12 por cento o último ano e o de mulleres un 33 por cento, o que revela -asegurou- o bo traballo que está a facer o deporte galego no impulso da muller”.
O incremento de tripulacións femininas tamén ocupou parte do discurso do Deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, quen sinalou a “bonita coincidencia” que supoñerá ver a máis mulleres do habitual competindo no día da nai, que se celebra esta fin de semana. O responsable do deporte provincial quixo recoñecer tamén “o enorme esforzo e o traballo realizado polo club e as administracións para manter ao deporte con moi bo estado de saúde -dixo- durante os anos de COVID”.
O encargado de clausurar a presentación oficial da competición foi o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, quen fixo referencia ao alto nivel de competicións que o Monte Real incluirá este ano, no que traerá a Baiona eventos tan prestixiosos como as Super Series. “A nosa vila -dixo o rexedor- seguirá sendo un claro referente a nivel turístico internacional e con esa ambición traballamos tanto desde o club como desde o concello”.
A apertura do Trofeo Repsol -44ª Regata de Primavera está programada para este venres ás catro da tarde, hora na que se dará o bocinazo de saída á primeira das tres probas da xornada. O sábado e o domingo a competición empezará a partir do mediodía, e a entrega de premios está programada para o último día ás seis e media da tarde.