Baiona convoca a III edición do Concurso de Relato Curto e Conto Infantil “O Enxeño Engaiolado”

Con motivo do Día Internacional do Libro, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura e do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, convoca a III edición do Concurso de Relato Curto e Conto Infantil “O Enxeño Engaiolado”. Na categoría de relato curto, o certame está aberto á participación de todas as persoas maiores de 16 anos, que deberán presentar un relato breve cunha extensión comprendida entre 1.500 e 4.500 palabras. En canto á de conto infantil, poderán participar as persoas de entre 12 e 16 anos que deberán presentar unha historia cunha extensión mínima de dous folios e máxima de catro.

Os participantes de ambas as dúas categorías deberán realizar os escritos a dobre espazo en Arial de 12 puntos. Os orixinais, que deberán ser inéditos, poden estar escritos en galego ou castelán. Os orixinais enviaranse por correo electrónico á dirección biblioteca@baiona.org en formato PDF e asinados cun pseudónimo. Nun correo aparte co mesmo pseudónimo, enviarase outro arquivo cos datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, DNI e teléfono). O prazo para a presentación de traballos, abriuse o sábado 23 de abril coincidindo co Día do Libro, e permanecerá aberto ata o 30 de setembro do 2022.

O xurado, composto por especialistas no ámbito bibliotecario e literario, concederá aos gañadores na categoría de relato curto tres premios consistentes en cheques-librería trocables en librerías de Baiona ata o 31 de decembro de 2022. O primeiro premio consistirá nun vale de 300 €; o segundo premio, 200 € e, finalmente, o terceiro premio, 100 €. En canto á categoría de conto infantil, entregarase un único premio de 100€. O fallo do xurado farase público no Concello de Baiona e na Biblioteca o día 19 de outubro de 2022. Ese mesmo día comunicarase a forma de entrega dos premios. As obras gañadoras publicaranse na páxina Web do Concello de Baiona: http://www.baiona.gal.

“Esperamos que os veciños e veciñas de Baiona anímense a participar e demóstrennos todo o seu talento neste concurso que naceu durante o confinamento, por este motivo ten este título tan especial. Con esta terceira edición pretendemos seguir incentivando e premiando a capacidade artística, literaria e creativa dos participantes, e contribuír con iso ao desenvolvemento e implicación dos baioneses para que deixen voar a súa imaxinación”, comenta a concelleira de Cultura, Miriam Costas.