
A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807” organiza o sábado 30 de abril a II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres comestibles, con saída ás 16:30 horas desde a antiga escola infantil da parroquia (Rúa da Igrexa, 2). A actividade ten Prezo Libre: os asistentes poñerán o valor en función da calidade da información, profesor, contorna, a súa economía… Non é necesario inscribirse.
Plantas e froitos silvestres medran de forma natural e espontánea, e aportan ao noso organismo elementos nutritivos de alto valor biolóxico, vitaminas, sales minerais e outras moitas substancias activas de propiedades preventivas e curativas, que na súa inmensa maioría, están aínda por descubrir.
As plantas silvestres teñen máis vitalidade e mellor calidade biolóxica, ademais de posuír mellor capacidade de adaptación ao medio que as de cultivo. Esta calidade da que gozan os vexetais consiste na adaptación ás condicións especiais e ambientais do hábitat onde medran. Ofrecendo os nutrientes e os elementos protectores máis axeitados para as persoas da súa zona, sempre que medren sen sufrir grandes danos a causa dos fertilizantes químicos e fumigacións tóxicas, coma os pesticidas.
Os asistentes pasarán unha xornada identificando e degustando plantas silvestres comestibles con César, e ao final poderán compartir merenda co que leve cadaquén e/ou o que apañen.