Os barcos do Real Club Náutico de Vigo e o Monte Real impóñense no Trofeo Comunica

Finalizou con éxito unha nova edición do Trofeo Comunica do Monte Real Club de Yates, que este ano ampliou percorridos e sumou colaboradores para celebrar unha regata dobre con saídas desde Combarro e Vigo, ambas as dúas con chegada en Baiona.

A primeira en escoitar o bocinazo inicial foi a proba que partiu desde Combarro, na que se puxeron en liza unha única categoría, a de ORC. Ás doce do mediodía, os 7 barcos rexistrados para completar ese trazado emprenderon rumbo pola ría de Pontevedra.

O máis rápido en completar a proba foi o Maracaná do RCM Aguete , patroneado por Carlos García; e tras a compensación de tempos, resultou tamén gañador do trofeo que se puxo en xogo desde a localidade pontevedresa. No segundo caixón quedou o Balea Dous de Luis Pérez e o Sagar V Ro Yachts de Rolando Andrade pechou o podio definitivo no terceiro posto.

Na proba Vigo-Baiona, o primeiro en cruzar a liña de chegada foi o Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo) que competía na clase ORC 1-2-3. Foi o máis rápido e tamén o vencedor da categoría, por diante do Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal (RNC Vigo) e do Bon III de Víctor Carrión, do CN Punta Lagoa, que quedaron segundo e terceiro.

Os tres, e en xeral todas as tripulacións, navegaron a moi bo ritmo cun vento que se mantivo bastante estable, soprando do oeste cunha media de 12 nós nas primeiras millas e algo menos de intensidade conforme avanzou a competición. Aínda que as previsións daban choiva, o certo é que a meteo perdoou e a proba desenvolveuse sen grandes chuvascos, e con nubes e claros en practicamente todo o percorrido, que pasou por Subrido, La Negra e Carallones.

Na clase ORC 4-5-6, o ouro foise tamén para o Real Club Náutico de Vigo de man do Deep Blue 2.1 de Vicente Cid. La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo de Miño) e o Nahela de Víctor Manuel Álvarez (CD Alagua), levaron a prata e o bronce.

O triunfo na división de A Dous foi para o Salaño Dos de Jacobo Vecino e Brenda Maure, un gran tándem e uns habituais nos podios deste tipo de competicións con tripulacións reducidas. Impuxéronse sobre os seus compañeiros do Real Club Náutico de Vigo do Bonaventure, José Luis Ríos e María Jesús Montes; e sobre Rodrigo Rodríguez e Rodrigo Rodríguez Campos a bordo do Alalunga (CM Canido).

Na clase J80, a máis numerosa con 15 unidades rexistradas, o vencedor foi o Alboroto de Javier Aguado (MRCYB), por diante do Due de Rafael Blanco (RCN Portosín) e o Spaco de Santiago Estévez (MRCYB) , segundo e terceiro respectivamente.

Entre os Fígaros, o Bouvento de Javier Bernardez levantouse ao máis alto do podio. Por detrás, o segundo posto ocupouno o Tutatis de Zoe Ayestarán e terceiro finalizou o Serralleiras de Julia Correa. Os tres equipos correron polo Monte Real Club de Yates.

A mellor tripulación feminina foi a do Tutatis de Zoe Ayestaran, que recibiu un premio especial no marco do programa “Vela en Feminino” do Monte Real, co que o club busca potenciar a figura da muller e aumentar o número de mulleres que compiten en regatas.

O broche final a este novo formato do Trofeo Comunica, de dobre proba, púxollo a entrega de premios aos gañadores, que se celebrou pola tarde nas instalacións do Monte Real Club de Yates. Nela participaron, entre outros, o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; e Roberto Lira, o director xeral de Comunica Comunicación Visual, firma patrocinadora do evento. Trátase dunha empresa da Guarda que ofrece servizos de impresión, rótulos, deseño industrial e artigos acrílicos a toda Galicia desde o municipio da Guarda, onde se sitúa a súa sede principal.

Durante o evento anunciouse a apertura do prazo de inscrición para o Trofeo Repsol, a próxima competición do club baionés, que se celebrará, como vén sendo tradición, en torno ao festivo do primeiro de maio. Este ano, os días de regata serán o venres 29 e o sábado 30 de abril, e o domingo 1 de maio. E do mesmo xeito que sucedeu co Trofeo Comunica, a clásica Regata de Primavera do Monte Real tamén traerá novidades neste 2022. Anunciaranse o vindeiro xoves 28 na presentación oficial da competición.