O Concello de Baiona, xunto coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), e co apoio institucional da Deputación Provincial de Pontevedra a través do Plan +Provincia 2024, organizan por noveno ano consecutivo o Roteiro Musical “Sons do Casco”, dentro da programación “Baiverán 2024”, co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Desde as Concellerías de Festexos e Comercio de Baiona dan deste xeito o pistoletazo de saída á programación estival que abarca desde xuño ata setembro, na que a Concellería de Festexos, dirixida por Ruth Álvarez González, está a perfilar os detalles para a presentación oficial que en breves días darase a coñecer.
Esta nova edición do roteiro musical, que terá lugar os días 15 e 16 de xuño, leva consigo unha fin de semana repleta de música en directo na que participarán un total de 16 grupos musicais con diferentes estilos como o jazz, blues, folk, country, flamenco, pop-rock, rock and roll etc. que pretenderán encher de música as 9 prazas e rúas máis emblemáticas e singulares do casco histórico baionés como son: Pai Fernando, Ventura Misa, Diego Carmona, Lorenzo de la Carrera, Xogo da Bóla, os Xardíns da Casa da Navegación, a Praza Fonte de Zeta, a Alameda Carabela Pinta e a rúa San Xoán.
Participarán Pacheco Bros, Up 2 You, Diego Caride, Pa Ti Na Má, Los Sergios, Rukan, Noallkansas, Micalip’s, Three Roosters, Adolfo FH, Bela & Charlo, Pablo Alonso, The Travelers, Sin Reserva Acústico, El Hechizo de Nora e Llorente & Tribu.


