Rotundo éxito da VI edición do Torneo “Basket sen Barreiras” do CB Nigrán, que nesta ocasión recadou fondos para AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer que ten sede en Nigrán. Preto de 400 nenos e nenas e máis de 30 equipos pasaron durante dous días polo Pavillón de Panxón para xogar ao baloncesto e mostrar o seu lado máis solidario achegando un donativo para AFAGA.
As xornadas de mañá serviron como xornadas de convivencia a través do xogo entre os usuarios de Afaga, usuarios do Centro Juan María e os xogadores e xogadoras das categorías infantil, cadete e júnior do CB Nigrán. Para as xornadas de tarde habilitáronse dúas pistas de xogo onde disputaron diferentes encontros os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías mini, premini e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría mini pechando o torneo o martes de tarde.
Cada xogador/a participante realizou un donativo para colaborar con Afaga, que foi depositado na urna e que se atopou no pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores así como o resto de persoas asistentes tamén colaboraron con este fin solidario achegando o seu propio donativo. Ademais, durante os dous días de competición realizáronse sorteos de diferentes agasallos entre os asistentes e todo o recadado coa venda das rifas achegouse tamén á devandita urna.
Á entrega de medallas asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González, o concelleiro de Deportes, Luís Sanromán, e responsables doutras Concellerías así como o Presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, ao que se lle fixo unha entrega simbólica de todo o recadado durante o torneo. Despois de dous anos sen poder organizar este tipo de eventos, o CB Nigrán pensa xa na organización de novos torneos con máis ganas que nunca dadas as boas situacións vividas nestes dous días.




