Nigrán inicia con oito alumnos o curso para obter o certificado oficial de socorrismo

O Concello de Nigrán avanza para garantir a seguridade nas praias este verán ao iniciar esta semana con 8 alumnos o seu segundo curso gratuíto para obter o certificado oficial de socorrismo, requirimento imprescindible para poder traballar nos areais. Foi precisamente con este obxectivo de atallar coa dificultade de cada ano de obter titulados co que o Concello investiu preto de 14.000 euros nesta formación dirixida inicialmente a 10 persoas empadroadas (8 foron as que superaron as probas de acceso). Impartido novamente por BIG Formación e cunha duración total de 420 horas, a formación práctica desenvolverase na Piscina Mancomunada da Ramallosa e os que superen o curso rematarán xusto a tempo de optar a un posto como socorrista este verán nos areais do Val Miñor.

“Anualmente se repite o problema de falta de socorristas en toda Galicia coa titulación requirida, polo que é importante ofrecer este curso á veciñanza”, engade. Así, o compromiso do goberno de Nigrán coa seguridade e calidade asistencial nos areais é máximo, e ante o insuficiente número de profesionais o Concello xa formou a unha decena de veciños o ano pasado co obxectivo de atallar este problema na súa comarca definitivamente.

“Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, motivo polo que hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias, unha circunstancia que desde o Concello queremos paliar ofrecendo esta formación de xeito gratuíto entre os nosos veciños”, explica González.

Neste curso oficial, o alumnado adquirirá os coñecementos necesarios para velar pola seguridade dos usuarios de zonas de baño público en espazos acuáticos naturais, de forma autónoma ou integrado nun equipo de rescate e socorrismo, velando pola seguridade, previndo que se produzan situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.