Gondomar clausura o seu campus multideporte de Semana Santa

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, participou esta mañá na clausura do campus multideporte solidario. Este campus, que chegou este ano á súa décima edición, contou coa participación de máis de 60 nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que dende o luns participaron no Pavillón Municipal en diferentes disciplinas deportivas.

Na clausura, Paco Ferreira, en nome do Concello, fixo entrega dun agasallo a cada participante, que como non podía ser doutro xeito nestas datas, tratouse duns ovos de pascua de chocolate.

O rexedor sinalou que “este campus ten un triple obxectivo: fomentar a práctica deportiva entre as nenas e nenos de Gondomar, facilitar a conciliación familiar e laboral das nais e pais, e a recadación de alimentos en favor do Banco de Alimentos, obxectivos que se cumpriron sobradamente a tenor da alta participación”.

Así mesmo o alcalde aproveitou a visita para dar as grazas aos clubs colaboradores, monitores, adestradores e persoal do Concello, xa que “sen o seu gran traballo e colaboración non sería posible levar a cabo unha actividade tan gratificante”.