O Vigo-Rías Baixas acende os motores para a nova tempada no pazo da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu este venres 1 de febreiro aos integrantes do equipo ciclista Vigo-Rías Baixas na presentación dunha nova temporada na que o equipo fundado en Nigrán parte co ambicioso obxectivo de gañar a Copa de España. Silva quixo mostrar o orgullo da institución provincial polo seu traballo subliñando que “o Club Ciclista Rías Baixas leva o nome da nosa provincia alí onde participa e por iso cada vez que presentamos unha nova tempada este pazo provincial énchese de alegría”. Na mesma liña, a presidenta da Deputación afirmou que “estamos ante un club que é un orgullo para nós porque sempre acada grandes éxitos” e desexoulles sorte para “unha tempada ilusionante na que se conseguides gañar a Copa de España prometo que imos celebralo ao grande”.

No acto, Carmela Silva estivo acompañada polo persoal do Vigo-Rías Baixas e polo presidente do club, José Luis Chamorro, que tivo verbas de agradecemento cara a Deputación de Pontevedra resaltando que “con este novo Goberno sempre é un pracer vir aquí, xa que estamos moi agradecidos do voso apoio. Co convenio que temos asinado podemos medrar e seguir sendo un dos mellores equipos de España acadando éxitos coma os da pasada temporada, onde batemos o noso récord de vitorias”.

Durante a súa intervención, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén sinalou que “ao longo da historia o ciclismo deu moitas alegrías á nosa terra, levando o noso nome por toda España e por todo o mundo. É un deporte que sempre formou parte da nosa vida e por iso apoiar un club como o voso é unha obriga para unha administración pública como a Deputación de Pontevedra”. Ademais engadiu que “promover o deporte e permitir que haxa equipos de elite en todas as disciplinas deportivas é unha das nosas liñas prioritarias”.

Tamén estivo presente no acto o novo mánager deportivo do Vigo-Rías Baixas, Gorka Beloki, que no terreo deportivo apuntou que “os nosos obxectivos prioritarios son a Copa de España, un título que necesita o ciclismo galego e que axudaría moito a seguir medrando, e relanzar aos nosos ciclistas cara ao profesionalismo”.

No remate do acto, Carmela Silva recoñeceu que para ela “os homes e mulleres que practican o ciclismo son verdadeiros heroes e heroínas, xa que é un deporte duro, que require moito sacrificio que ademais, ao contrario doutros deportes de masas, ten moito menos apoio económico e dos medios de comunicación. Sodes uns cracks”.

Anuncios