
O Concello de Gondomar puxo en marcha esta mañá unha nova edición do seu campus deportivo de Semana Santa que chega ao seu décimo aniversario. Destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, ten ademais un fin solidario, xa que as familias tiveron que entregar un mínimo de dous quilos de alimentos destinados ao Banco de Alimentos a modo de taxa de participación.
Máis de 60 nenas e nenos de Gondomar participarán ata o mércores en actividades deportivas das disciplinas de: tenis, tenis de mesa, fútbol sala, atletismo, ximnasia acrobática, vóley, baloncesto e taekwondo.
O alcalde Paco Ferreira sinalou que o goberno de Gondomar “ten unha aposta decidida polo deporte en xeral e polo de base en particular, e seguiremos destinando todos os recursos necesarios para a formación no deporte das nenas e nenos de Gondomar”. Ademais o rexedor puxo en valor que actividades coma esta “permiten ademais a conciliación laboral e familiar de nais e pais”.