Podemos Baiona volve pedir unha ordenanza municipal que regule o uso dos fogos de artificio

O Círculo Podemos Baiona vén de rexistrar no Concello un requirimento no que pide o compromiso do goberno local á creación dunha ordenanza municipal para o uso dos fogos de artificio.

O portavoz de Podemos Baiona, José Ramón Estévez, sinala que “Baiona ten que avanzar cara unha vila que saiba compaxinar as celebracións coa convivencia, garantindo a seguridade e o benestar das persoas máis vulnerables como as persoas con trastornos do espectro autista (TEA), os maiores ou as mascotas, estas últimas ao consideralas “seres sentintes” tamén deben ser tratadas pensando no seu benestar e protección”.

O grupo municipal de Podemos solicita a través do requirimento rexistrado o compromiso real e eficaz do grupo de goberno co obxectivo de permitir que toda a cidadanía poida gozar dos espectáculos luminosos nas festas e celebracións municipais, sen que estas provoquen danos nin molestias ás persoas con afeccións que as fan hipersensibles ao ruído, aos bebés, as persoas maiores e os animais domésticos ou salvaxes. “É alarmante que mentres a OMS cifra en 65 decibelios o límite recomendable para a saúde auditiva, o uso de petardos e fogos de artificio supera en moitos casos os 190 decibelios”.

Estévez incide na necesidade de “avanzar cara unha vila respectuosa con todas as persoas”. “Por iso hoxe, no Día Mundial da Concienciación do Autismo, un dos colectivos que máis sofre polo ruído dos fogos de artificio, solicitamos de novo ao Concello (como xa fixemos hai anos) a elaboración dunha ordenanza específica e transversal sobre o seu uso, que acoute os tipos (prevalecendo o uso dos silenciosos), os espazos e os horarios permitidos para garantir unha adecuada convivencia na nosa vila, sen provocar danos nin molestias a ninguén, garantindo o dereito das persoas con trastornos do espectro autista e as súas familias a ter unha vida plenamente feliz ou polo menos algo máis tranquila”.

Estévez remarca tamén a necesidade de “aumentar as campañas cidadás para a prevención e sensibilización do ruído e a mellora da convivencia no municipio, tendo en conta aos colectivos cidadáns”. “Debemos seguir o exemplo doutras cidades que xa avanzaron neste sentido e están comprometidas co uso dos fogos de artificio silenciosos. Non se trata de eliminar, senón de substituír”, conclúe.