
A piques estamos de chegar á fin de semana e con ela ao comezo de “Elas Emprenden: Galería de Propostas”, organizado pola Concellería de Igualdade co Centro de Información á Muller no marco da “Primavera Lila”, e subvencionado pola Deputación de Pontevedra. Terá lugar no Multiusos de Sabarís o sábado 2 e domingo 3 de abril e poderase desfrutar de experiencias diversas ofrecidas polas profesionais participantes desta novidosa proposta.
A presentación terá lugar o sábado ás 12:30 horas. O proxecto contempla dous obradoiros o domingo, un de estampaxe para todas as idades ás 11:00 da mañá, no que os asistentes poderán elaborar unha peza utilizando técnicas básicas de estampaxe e decoración sobre tela que despois levarán como recordo de “Elas Emprenden”, e otro de “Lettering” ás 18:00 horas, a cargo de Noelia Muíños e Ramón Quintas, de Papelier. Para participar en ambas as dúas actividades non é necesaria a inscrición previa, basta con presentarse no lugar á hora sinalada.
“Elas Emprenden” é un escaparate feiral para actividades de empresas lideradas por mulleres que desenvolven o seu traballo no Concello de Baiona principalmente. Os obxectivos entre outros son promover a igualdade de oportunidades, darlle visibilidade ao talento do liderado feminino, xerar oportunidades de promoción e recoñecemento ás protagonistas.
O programa de actividades está aberto ao público en xeral e conta con encontros coas protagonistas, música en directo, obradoiros, teatro e unha pasarela de moda.