Baiona destinará 88.000 € da Deputación a obras de mellora no camiño Casteliño

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou novas achegas da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2021 por importe de 2,2 millóns de euros (2.253.705 €) que beneficiarán a doce concellos da provincia: Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, Forcarei, Ponte Caldelas, O Porriño, Salceda de Caselas, Tomiño, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. “Recursos a disposición dos concellos para que a xente poida vivir alí onde decida porque ten os mellores servizos e os mellores dereitos”, destacou a presidenta, Carmela Silva. A maioría destas actuacións están destinadas á mellora da mobilidade e seguridade viaria, coa pavimentación de camiños e rúas, así como á mellora de servizos como o saneamento.

Na comarca de Vigo, O Porriño recibirá, 135.023 euros para a execución de dous tramos de rede de saneamento para dotar de este servizo a varias vivendas no lugar de Portela de Souto. Baiona recibirá 88.060 euros para as obras de mellora de pavimentación, canalización de pluviais, sobreanchos no camiño Casteliño. As obras teñen por obxecto mellorar o acceso da veciñanza da zona, así como completar o saneamento existente para dar servizo ás vivendas existentes e futuras. E o Concello de Salceda de Caselas, 90.483 euros para a mellora da pavimentación dun viario no lugar de Pedracarballa (Entenza). Ampliarase e mellorarase a pavimentación do viario principal e dun ramal, optimizando a rede de augas pluviais.