Vithas Vigo detecta un 5,2% de casos sospeitosos de cancro colorrectal tras realizar un cribado gratuíto no hospital

Un de cada cinco participantes na campaña de detección do cancro colorrectal necesitaría unha revisión ou estudos complementarios, ben porque o test de sangue oculto en feces resultou positivo; ou porque tiñan algún tipo de antecedente ou síntoma que supoñen un maior risco de padecer o cancro colorrectal que a poboación xeral. Esta campaña, totalmente gratuíta para o usuario, desenvolveuse o pasado mes de febreiro, coincidindo co Día Mundial do Cancro.

O Hospital Vithas Vigo realizou entón unha campaña de detección e prevención do cancro colorrectal, o máis diagnosticado en España, na que calquera interesado puido entregar a súa mostra de feces e cubrir unha breve enquisa, sobre antecedentes e síntomas sospeitosos.

Cos resultados da analítica e as respostas da enquisa, o Dr. Alberto Parajó Calvo, especialista en Coloproctoloxía do Hospital Vithas Vigo, realizou un informe personalizado no que incluíu algún tipo de suxerencia aos participantes.

Así, un 5,2 por cento do total de participantes tiña presenza de sangue oculto en feces. Anecdóticamente, a metade deles tiñan unha presenza débil e a outra metade unha presenza clara. A todos eles recomendóuselles un estudo máis detallado para descartar que o sangue se deba a outras causas, ou para abordar, con moita brevidade, un posible tratamento.

Por outra banda, a outro 17,2 por cento dos participantes, aconsellóuselle unha revisión máis profunda dado que, a pesar de non atoparse sangue oculto en feces, os seus antecedentes familiares, ou médicos, ou os seus síntomas revelan unha hipotética probabilidade de padecer algún problema colorrectal.

Do mesmo xeito, un 28,1 por cento ten algún tipo de antecedente ou síntoma que recomendan que continúe facendo controis periódicos, mesmo con máis frecuencia da prevista.

Por último, un 49,4 por cento presenta unha boa saúde colorrectal, sen que exista sangue oculto en feces, antecedentes familiares nin síntomas que suxiran un maior risco que a poboación xeral. En calquera caso, o Dr. Parajó, consciente da importancia da prevención, inclúe a suxestión de participar, periodicamente, en campañas de prevención como a desenvolvida o mes pasado polo Hospital Vithas Vigo.

O cancro máis diagnosticado en España

Segundo datos da Sociedade Española de Oncoloxía Médica, SEOM, o cancro colorrectal é o máis diagnosticado en España, cunha estimación de 43.370[i] casos diagnosticados este ano; dos que un 61,93 por cento afectan a homes (26.862 casos) e o 38,06 por cento restante (16.508) a mulleres. O cancro colorrectal representa o 15,8 por cento dos preto de 275.000 cancros non melanomas que se detectan en España cada ano.

O mesmo estudo, sinala que o colorrectal, representa algo máis do 10,7 por cento dos máis de 18 millóns de cancros que se diagnosticaron en 2020, tan só superado polos cancros de mama (12,5 por cento) e de pulmón (12,2 por cento); e moi por diante do cancro de próstata (7,8 por cento).

Como sucede noutros moitos cancros, o colorrectal pode non presentar síntomas ata que se presente nun estadio máis avanzado. Sangrados rectais, diarrea ou estreñemento non habituais, perda anormal de peso, dor abdominal, e/ou malestar xeral, fatiga e debilidade; poden ser algúns dos síntomas ou indicios que poden derivarse dun cancro colorrectal.

Neste sentido, o Dr. Alberto Parajó Calvo, especialista en coloproctoloxía do Hospital Vithas Vigo, destaca a importancia de realizar este tipo de campañas de prevención, xa que “hai que ter en conta que os pólipos poden tardar ata dez anos en desenvolver unha lesión tumoral, e durante ese tempo adoitan estar completamente asintomáticos”.