O Multiusos de Sabarís acolle “Elas Emprenden”, un escaparate para empresas lideradas por mulleres

FOTO: ÑO! // Cris, Olalla e Silvia forman ÑO!.

O Multiusos de Sabarís acollerá os vindeiros sábado 2 e domingo 3 de abril o programa “Elas Emprenden”, organizado pola Concellería de Igualdade de Baiona co Centro de Información á Muller no marco da “Primavera Lila”, e subvencionado pola Deputación de Pontevedra.

“Elas Emprenden” é un escaparate feiral para actividades de empresas lideradas por mulleres que desenvolven o seu traballo no Concello de Baiona principalmente. Os obxectivos entre outros son promover a igualdade de oportunidades, darlle visibilidade ao talento do liderado feminino, xerar oportunidades de promoción e recoñecemento ás protagonistas.

O programa de actividades está aberto ao público en xeral e conta con encontros coas protagonistas, música en directo, obradoiros, teatro e unha pasarela de moda.

A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, sinala que “este é un proxecto no que participan mulleres emprendedoras de distintos ámbitos, un espazo para crear redes e fortalecer o empoderamento da muller. Ao mesmo tempo damos visibilidade ao talento e creatividade das mulleres participantes, ofrecendo ao público asistente experiencias moi interesantes que non deixarán a ninguén indiferente”.