O grupo show do CPA Gondomar revalida o título de campión galego

Esta fin de semana disputouse no Pavillón Municipal de Tui Gustavo Rodríguez o Campionato Galego Show categoría nacional de Grupos grandes e pequenos, dando comezo o sábado ás seis da tarde e finalizando ás oito da tarde do domingo coa entrega de trofeos.

Como non podía ser doutra maneira, o Club Patinaxe Artística Gondomar proclamouse novamente campión de grupos pequenos demostrando a súa forza, disciplina e gran dificultade co seu show denominado “Las últimas Kaneri” co que rodaron ata o máis alto do podio conseguindo novamente o seu título como campioas galegas.

O grupo gondomareño dirixido polo seu técnico David Figueroa presentaba a coreografía de “Las últimas Kaneri”, descendentes dunha dinastía indíxena, criadas entre arcos, frechas e lanzas. A chegada dun intruso marcará o destino das Kaneri, alcanzando a máxima puntuación da tarde.

As bancadas repletas de seguidores puideron gozar do gran nivel de patinaxe sobre rodas que porta o grupo de patinadoras e un patinador, estreándose algunhas delas nesta modalidade. O grupo saíu de primeiro na tarde do domingo revelando velocidade, sincronización, técnica de primeiro nivel na patinaxe artística sobre rodas. E todo froito do arduo traballo continuo do equipo técnico-físico, David Figueroa e María Nombela, escenificado polas súas tenaces patinadoras, que deixaron pampo ao público e non soamente polo contido técnico repleto de dificultade, senón porque lograron manter expectante por coñecer o desenlace da historia narrada en movemento, que ademais contou con elementos de lume.

O grupo composto por Javier Martínez, Denís Alonso, Noa Álvarez, Xiana Fernández, Iria Boullosa, Alba Franco, Nerea Estévez, Nadia Iglesias, Alba Gago e Andrea López, seguirá adestrando duramente para o XX Campionato de España, que terá a súa sede no Pavelló Olimpic Municipal de Reus, campionato previo ao europeo e ao mundial, xa que desa cita sairán os grupos que se enfrontarán na proba europea e no mundial, eventos deportivos que recollen todas as disciplinas da patinaxe.