Sin categoría

Catro nenos ucraínos incorpóranse ás clases en centros de Nigrán

A comunidade educativa do Val Miñor envórcase cos primeiros nenos ucraínos chegados desde hai poucos días á localidade. Sen perder un minuto comezaron as súas clases co obxectivo de integrarse canto antes deixando ao carón o calvario vivido no último mes.

A directora do CEIP Humberto Juanes, Cristina Fernández, reitera o delicado da situación e incide no papel que xogan as familias de acollida ao ofrecer o seu teito e respaldo a persoas que de maneira directa ou indirecta atópanse en situación de vulnerabilidade. Neste colexio atópase unha pequena de cinco anos que xa asiste regularmente a clase. Comunícanse con ela a través de pictogramas e adora a ximnasia acrobática, unha actividade que xa practica cos seus novos compañeiros. Chegou a Nigrán o pasado sábado acompañada da súa nai, unha curmá e a súa irmá de 14 que tamén se incorporou ao curso do IES Val Miñor, que á súa vez conta con outro alumno matriculado en similares circunstancias, ambos de 3º da ESO.

O goteo de refuxiados está a ser constante, o director do instituto nigranés, Damián Guede, explicou que están a ultimar trámites para a entrada doutros tres novos mentres que o CPI Arquitecto Antonio Palacios de Panxón ten nas súas aulas a outra pequena desde fai máis dunha semana. En poucos días o CEIP Da Cruz-Camos recibirá cos brazos abertos á súa primeira alumna. Neste sentido as instrucións dadas desde a Consellería non dan pé a medias interpretacións dando prioridade absoluta á súa escolarización inmediata, á vez que se vai consolidando unha pequena comunidade ucraína que a ollos de Guede será moi positiva desde o punto de vista adaptativo.

A pesar de que todos comparten o feito de renunciar a todo da noite para a mañá, deixando atrás parte das súas familias, amigos ou rutinas, os docentes coinciden en que as súas reaccións, salvando as distancias, están a ser relativamente positivas, reforzadas polo apoio que están a recibir desde todos os ámbitos. Agora atópanse en pleno período de adaptación nun lugar descoñecido e onde a barreira idiomática supón un grave atranco para a integración, mentres os centros receptores poñen en marcha diversos plans de inmersión lingüística para minimizar o seu illamento e reducir ao mínimo as consecuencias psicolóxicas que carrexa o feito de escapar da guerra.